A ollada

Cuestións plantexadas por Dores Tembrás no obradoiro de escritura creativa.

  • Cal é a túa ollada

  • En que adoita reparar

  • Que che interesa desa ollada cando escribes e cando les.

  • Pensa nos proxectos narrativos dos que me falabas, tenta verte dende fóra.

  • O valor da ollada.

Cal é a miña ollada

Yoku mireba nazuna hana saku kakine kana Matsuo Bashō

Parte da concepción práctica que teño sobre o ollar pódese resumir con este haiku de Bashō. A tradución, nunca exacta, sería algo así:

Se ollas ben, A nazuna florea xunto o valado

Esta tradución estaría baseada na que fixo Rodríguez Izquierdo ó castelán. Penso que igual sobra o cualificativo "ben", en galego pode ser redundante porque o verbo "ollar" xa implica unha certa atención.

A nazuna é unha pequena flor silvestre que xeralmente pasa desapercibida polo camiñante. Porén neste poema faise referencia a unha certa actitude vital. Un pode ir polo mundo sen prestar atención ás cousas que non importan ¿Que importancia ten unha flor silvestre? Madrugamos, traballamos, gañamos diñeiro e logo imos de festa ¿En que momento decidimos deter ese curso vital para ollar unha flor cotiá? Non ten importancia... ¿Pero como sería un mundo sen as flores silvestres? A pequena nazuna sostén a primavera cas súas flores.

Ir polo mundo atentos. Outro xeito de estar na vida, con outra actitude vital. Recoñecer o noso entorno como algo non coñecido, se perdemos o interese polo que está máis aló da nosa rutina, perdemos o interese pola vida mesma. O noso estar sería oco, sen misterio algún. ¿A floración dunha planta silvestre é unha mera anécdota? Non o é cando iso está presente como parte dun ciclo de vida. Cando alguén faise consciente de que o mundo non é seu, de que esa flor está alí con autonomía e existencia propia. De que esa flor é un ser vivo máis, ca mesma importancia cósmica ca calquera outro. Deterse para contemplar a beleza dun ser que é igual ca nos.

Tipos de verdade

A realidade como algo que se nos impón con forza autónoma, a pesares da nosa vontade. Descartes tiña unha visión egocéntrica do mundo, non vexo como se pode facer un discurso da verdade dende este autor, unicamente na versión lóxica do termo, verdade por correspondencia, Veritas . A hipótese, equivocada, dun paxaro con plumas de cores lavándose fala dun prexuízo do autor do texto, esa hipótese non se correspondía coa realidade e polo tanto non era certa. Pola contra non caso de terse correspondido falaríamos dun enunciado verdadeiro.

Falamos da verdade lóxica ou por correspondencia. Pero ¿Onde queda o abraio nesta visión do mundo? O abraio convértese na mera frustración dunha expectativa. Un abraio así non me interesa. O artista non pode ir polo mundo facendo hipóteses da realidade que lle rodea para comprobar despois se se cumpren ou non as súas expectativas. Isto o pode facer un científico pero non un poeta, por exemplo. Non quero dicir que os poetas non fagan hipóteses isto é inevitable para calquera, e por suposto é posible traballar con esas hipóteses. A diferencia, no caso dun poeta é que este non terá nunca unha expectativa de coñecemento, porque o poeta vive na incerteza, está é a súa posición vital, o seu abraio será precisamente esta situación de incerteza e non tanto a frustración dunha expectativa. Temos un exemplo con este poema de José Corredor-Matheos :

¿Es sólo un calcetín eso que brilla en medio de la calle o alguna ave herida que no puede volar? Sucio, agujereado, su fulgor me deslumbra en pleno mediodía. ¿He de pasar de largo o lo he de guardar con todos mis tesoros? ¿Quién lo dejó caer, como al azar, para que me saliera ahora al paso, calcetín que es capaz de volar como un pájaro, desplomarse en la tierra como un pájaro, y viene a recordarme que él y yo compartimos la caída y el vuelo? José Corredor-Matheos en Un pez que va por el jardín (Tusquets Editores, Barcelona, 2007).

Digo que o poeta ten unha posición vital determinada; a de quen está polo mundo agardando a ser impresionado pola realidade. Esta é unha posición de verdade por aletheia ou desvendamento. O poeta concéntrase no que se lle impón como algo alleo. Un mundo que o afecta e o impresiona. Un mundo que existe dende as súas propias causas e non porque alguén teña a capacidade de pensalo. O abraio, neste caso é un abraio impresivo que aparece no sentir mesmo, non no xuízo. Esta é a verdade de todo haitiano .

Temos outros tipos de verdade. A que poríamos chamar "verdade mística" ou emunah que polo que lin é un coñecemento que se atopa máis aló da razón, é un sentimento de certeza. Unha fidelidade ou confianza no plan da divindade. Supoño que esta visión considera o mundo máis que polo seu "ser" por un certo "deber ser". É dicir, aquí o abraio consiste en contemplar a realidade de cada cousa coma a realización dun plan divino.

Outra proposta sería a do pragmatismo norteamericano. Pero

En que adoitas a reparar

Dependendo do momento chámame a atención ás situacións de cambio.

En poesía a cousa é máis sinxela, é suficiente algo que produza un abraio, xeralmente bastan pequenas cousas, unha árbore que arrincaron, un reflexo na fiestra, unha sensación; o cambio está implicado, normalmente, neste abraio. Estes cambios producen as veces situacións de tensión estática (un cambio desexado ou temido pero que non chega), ultimamente no horizonte presencia-ausencia. E outras veces situación de tensión dinámica, é dicir dun cambio que se está a producir. Penso que non investiguei suficiente sobre isto.

En narrativa, polo que vexo, interésanme tamén as situacións de tensión. Certos momentos históricos son interesantes neste sentido, aínda que non sei ata que punto interésame facer literatura histórica. Na historia producíronse varios momentos que supuxeron un cambio de paradigma (tensión dinámica), ou se cadra un cambio desexado ou temido (tensión estática)... Interésanme dende a revolución agrícola no Neolítico, ata a revolución industrial coas consecuencias de loita de clases que derivaron na guerra civil. Ou tamén, no século XIX, agromaron ideas que son base da cultura de hoxe en día e que neses momentos estaban a nacer; como o feminismo, ou unha certa concepción da liberdade. Produciuse a abolición da escravitude, a consolidación da democracia actual (derivada das ideas da ilustración do século anterior e que nace coa declaración de independencia dos EEUU), e un crecemento exponencial do saber científico que atopou certo contraste co desenvolvemento do espiritismo e certas relixións marxinais. Precisamente o vodú é unha relixión na que todos estes elementos conflúen dalgún xeito, a independencia de Haití foi favorecida por líderes espirituais de esta relixión. Estes temas estaban a latexar no proxecto de escrita que comecei.

Cústame, en narrativa, deixar está mirada panorámica de feitos históricos, da épica, e traballar con feitos concretos. Coido que é preciso ter unha ollada máis atenta da historia que estase a facer no día a día, o que Unamuno chamou intrahistoria. Traballar esta mirada é unha tarefa pendente, nunha época tiven un proxecto cun amigo de recoller este tipo de discursos no noso blogue entelequia.info, algunha outra vez recollín unha especie de diario de intrahistorias. É difícil saber cando estas recollendo unha mera anécdota ou cando algo que é expresión dunha época histórica. Un caso interesante é o pequeno relato de Azorín Una Ciudad y un balcón alí a mirada do narrador vai atopando a evolución dun pobo ao longo da historia, e faino relatando cousas ben concretas e nimias, en aparencia. O que teño claro é que non existe relato posible sen está concreción. Este é o mundo, o contexto, onde debe xurdir calquera narrativa.

Que che interesa desa ollada cando escribes e cando les.

A curiosidade. O que me interesa é aprender. Escribo sobre o que faime despertar a curiosidade, o que ten algo de misterio, aínda que sexa un misterio científico. Pero isto ten un risco que xa percibín, o risco de facer un manual técnico. Considero difícil explicar o coñecemento a través dunha historia. Fai tempo que non leo novela, nunha época interesoume o estilo de Stefan Zweig ou Sandor Marai. Anteriormente do estilo de Shinuhe de Mika Waltari, coido que é unha novela onde todo o que comentamos está moi ben compensado, tamén aprendín de Saramago e como fai para manter a tensión en situacións aparentemente baleiras.

Proxectos narrativos

Xa fun facendo un pouco de critica. Penso que non remato ningún proxecto porque non chego a concretar a visión en feitos concretos. Teño unha mirada demasiado panorámica. As veces con exceso de información técnica e con pouca concreción de feitos. Un relato non se pode soster así, é preciso que os feitos concretos conteñan a información que é interesante transmitir e non tentar contar unha serie de xeneralidades máis ou menos interesantes sen vida concreta. O que sucede cando escribo é que sei máis ou menos que quero contar pero non teño na cabeza a historia concreta de cada personaxe. Por un lado é interesante descubrir esta historia, pero por outro faime estancar. Por exemplo no proxecto que estaba a comezar unha rapaza de mediados do século XIX que convive coa súa medio irmá (por parte de pai) vai coñecendo a historia da súa familia, e de camiño coñece o problema da escravitude, a vida que se tiña en Cuba, a crise e as revoltas de alí. Ademais a irmá ten unha especie de relixiosidade confusa na que se mesturan cousas do cristianismo e da santería, e pouco a pouco vai coñecendo os motivos do misterioso respecto que a súa irmá ten polas plantas do seu xardín. Este misterio estaría relacionado co fin tráxico dos seus pais. Teriamos unha narradora omnisciente que en realidade sería a Nana Buruku, unha das Deidades máis antigas da santería. É interesante porque a miña hipótese é as historias de esta figura representan tanto o paso do neolítico a era de bronce como o paso dun pobo matriarcal a un patriarcal, seguramente agochan a invasión dun pobo que coñeceu o ferro e que tiña divindades masculinas a outro de tipo agrícola con divindades femininas, nestas invasións os deuses vencedores púñanse por enriba dos vencidos, neste caso coa institución do matrimonio con Oshaguia. O problema que teño é que non teño definida a historia da irmá, que pode se unha antagonista. É certo o que dis sobre o texto que che enviei, nalgún momento a irmá estaba enferma medio inconsciente e por iso semella que fala con ela, agora simplemente está durmindo e xa non ten tanto sentido. O problema é que ata que non decida exactamente como intervén ela non podo continuar.

O valor da ollada

Penso que é claro que considero moi importante a ollada no escritor, en todas as súas dimensións. Non existe unha única maneira de ver as cousas, cada personaxe ten a súa propia concepción do mundo e iso ten que afectar a súa ollada. O autor ten que adaptarse a cada forma de ver o mundo.